Saturday 18 de May de 2024

A Xunta executa traballos de limpeza nos treitos interurbanos do Río Ulla e afluentes ao seu paso polos concellos da Estrada, Teo, Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón e Touro


No marco desta intervención tamén se está a traballar nos seus afluentes: Santa Lucía, Rego da Riveira, Pazos, Vieites, Beuvas, Añobre e Frontilleiro, entre outros

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Ulla e varios dos seus afluentes, no seu percorrido polos concellos da Estrada, Teo, Vedra, Vila de Cruces, Boqueixón e Touro.
Concretamente estas tarefas estanse a desenvolver nos afluentes: Santa Lucía, Rego da Riveira, Pazos, Vieites, Beuvas, Añobre, Frontilleiro e dous innominados.
Os traballos execútanse en distintos tramos dos ríos, ao longo de máis de 6 quilómetros de lonxitude, coincidindo co seu percorrido por distintos lugares destes municipios.
As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta e atoamentos. Inclúense tamén a roza selectiva e limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-centro.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.